Na pesca do salmón en Galicia voltan esta vindeira tempada 2015 os permisos
turísticos. Consultando, de causalidade,
o día 20 de decembro de 2014 a páxina da Xunta para ver a dispoñibilidade de
coutos, atópome con que os permisos turísticos só deben interesar, no que toca
ao Ulla, en maio e só nos coutos de Sinde e Ximonde. Calquera que entre nesa páxina
verá que en Sinde faltan, agás as dúas xornadas do concurso, nove permisos de
pesca repartidos en varios días e, dous deles para o primeiro día de pesca. En
Ximonde, tamén agás esas dúas xornadas, os permisos que se botan en falta son
oito. Pero o máis sorprendente acontece en xuño, concretamente os días 12 e 13
deste mes, venres e sábado, nos que en Sinde están reservados tres permisos por
xornada e en Ximonde dous, tamén por xornada. Dez permisos en total e tan só en
dous días! E dous días consecutivos!
Vendo isto cabería pensar que algún grupo de turistas acordou facer ese
desprazamento de pesca neses días, pero dubido da legalidade de terlles
reservado a esas persoas concretas eses días concretos. Poida que sexa legal,
pero ben sabemos que o legal non é necesariamente o xusto. O xusto sería, por
un lado, que os permisos turísticos fosen tamén a un sorteo como imos os demais
pescadores, tanto os galegos coma os foráneos, sen reservas expresas previas, e
polo outro que eses permisos se repartisen ao longo de toda a tempada de pesca
e non se concentrasen tan só, polos intereses que sexan, nesas dúas xornadas,
no caso do mes de xuño, ou repartidas nun só mes coma acontece co mes de maio.
Tamén cabería pensar que algún grupo relacionado coa actividade turística ou
fluvial queira organizar algún acto ou actividade de promoción ou propaganda. Pode
ser, inda que reservar dez permisos de pesca para promoción dos dezaoito
reservados no mes de maio paréceme un pouco desproporcionado.
Os permisos de salmón no Ulla en maio non necesitan promoción algunha. O
que máis ben semella e que alguén traizoa, a mantenta, o interese público en
beneficio propio. Máis aínda se temos presente que falamos dun recurso que non
cubre a demanda normal e interna existente. Se xa é difícil entender que se
retiren eses permisos para turismo, cando todos sabemos cales son os antecedentes
deses permisos turísticos e cales foron os “turistas” que os gozaron nesas
tempadas de funesto recordo, resultaría especialmente vergonzoso, ademais de
realmente significativo, que nos atopásemos con que os días 12 e 13 de xuño os
titulares deses permisos sexan un grupiño de amigos que xa habitualmente
coinciden noutros actos e actividades privadas, ou algún recoñecido pescador
responsable ou representante de algunha institución relacionada co turismo.
Sería útil e clarificador para todos saber qué é o que realmente se entende
por turista, así poderiamos ter uns alicerces cos que diferenciar con
exactitude que ten dereito a optar a eses permisos turísticos e quen non.
Cómpre asemade que exista unha norma clara e diáfana para que todos aqueles que
teñan dereito a eses permisos, e queiran exercer ese dereito, poidan facelo
coas mesmas garantías e en igualdade de condicións. Neste senso, intereseime un
pouco por un tal Stanley C. Plog que investigou sobre viaxes e prestou servizos
de consultor en tódolos eidos da actividade turística, compañías de aviación,
destinos, liñas de cruceiros, hoteis e complexos turísticos, grupos de axencias
de viaxes e tur operadores. Nestes derradeiros anos a súas investigacións e
análises son o espiñazo da enquisa anual da industria de viaxes de Travel
Weekly. No 2003, Travel Weekly publicou unha editorial, "No es ninguna exageración decir que Plog dio forma a la moderna
investigación de mercado de la industria de viajes -. Para las generaciones, ha
identificado las principales tendencias de viaje, a menudo la elaboración de
los mismos nombres para describir varios comportamientos de viaje". Xa
xubilado, seguiu coma consultor e co-fundador dun sitio web, BestTripChoices.com.
Foi o autor de sete libros, catro nas ciencias socias e tres nas viaxes. No
2003, foi premiado en Nova Iork por HSMAI pola súa contribución á industria
relacionada co turismo. Tamén lin algunhas outras cousas relacionadas co
turismo, de universidades ou de autores relacionados con esta actividade, e
sigo sen entender como persoas domiciliadas dentro da Comunidade Autónoma de
Galicia poden ser consideradas, aos efectos das actividades de pesca fluvial,
coma turistas. Paréceme que iso nin favorece aos intereses xerais, os da
divulgación e promoción da pesca fluvial galega fóra da nosa comunidade, nin
que tampouco é obxectivo.
Agora ben, é a administración pública quen debe servir con obxectividade os
intereses xerais, ou iso é o que recolle o artigo 103.1 da Constitución. A Lei
de pesca fluvial de Galicia e o seu Decreto regulador recoñécenlle á
administración uns determinados dereitos para reservar un determinado número de
permisos diarios de pesca, non obstante, esas solicitudes e posteriores
concesións deben cumprir cuns determinados requisitos e, con todo, as
potestades administrativas recoñecidas polo ordenamento xurídico non poden ser
usadas para fins distintos aos que xustificaron a súa creación. Por todo ilo,
sigo sen ter moi claro, (perdoen a miña ignorancia pero é así), que para
concentrar a reserva de permisos de pesca neses coutos e neses días se teña
feita a oportuna distinción entre medios e fins. Tamén me queda a dúbida de se
os titulares, ou futuros titulares deses permisos de turismo, terán asemade a
opción de optar á titularidade de permisos de pesca do salmón no sorteo
ordinario, de ser así xa estaríamos diante dunha evidente discriminación. Haberá
que seguir de preto este asunto e, á vista dos feitos e coñecidos os titulares
deses permisos de pesca, acadar as oportunas conclusións. Máis aínda cando nos
decatamos que a actual Lei de Pesca Fluvial de Galicia está quedando cada día
máis orfa e que cada vez son máis os que a calzan. Tantos coma os noivos e
pretendentes da futura Lei que, polo que imos notando por aquí e por alí, son
moitos, cada día máis, os que a tentarán vestir e peitear ao seu xeito e
maneira.
Non é o mellor sistema o asturiano, tamén ten moitas sombras, sería tan fácil como un "sorteo" para turistas, o ben que digan que, por exemplo o venres é para turismo, al menos sabríamos a que carta xogar cando botamos as solicitudes.
ResponderEliminarClaro que por outra banda, que podemos esperar da desidiosa administración que temos, porque o que pretenden é sacar o morto de encima como poden. Un exemplo, pareceche normal que a segunda volta dos cotos se faga solo a través de internet a voz de marica o último? Asturias e Cantabria con mais cotos de salmón atenden os pescadores, presencialmente, por teléfono e internet.
Conclusión, porque non poden nin privatizalo nin facelo desaparecer que senon...
Absolutamente Xosé Manuel. Coa actual maneira de facer queda a porta aberta para moitas cousas, ningunha delas boas, e malia o colapso da páxina da Xunta ano tras ano, non fan nada por remediar esa desfeita. Agradézoche o comentario. Un saúdo.
ResponderEliminarSe podrá conocer el nombre de los agraciados turistas?
ResponderEliminarCuanto cuantificará nuestra querida administración el kilometraje hasta el lugar escogido para que lo considere turismo? 10km? 100? 1000?
Esto huele a podrido.
Tendo en conta que o lugar onde se desenvolve a actividade (río) é de dominio público e que é un organismo público o que vende e tramita os permisos diarios de pesca, non debería, previa solicitude, haber maior problema en coñecer os nomes dos titulares deses permisos de pesca. Mesmo na administración de xustiza se fan públicos documentos con nomes e dni!!
ResponderEliminarPolo que respecta á distancia; penso que a opinión pública non entendería que persoas domiciliadas en Galicia, ou que xa participasen no sorte ordinario de permisos, poidan optar a eses permisos reservados dende ou a través da Dirección Xeral de Turismo. De darse o caso comparto contigo que algo cheiraría a podre. Grazas polo comentario. Un saúdo