Grande

Grande

xoves, 12 de febreiro de 2015

Orde de Vedas 2015

Publicada a Orde de Vedas 2015, cos xa seus tradicionais erros, as novas medidas que máis chamaron a atención foron dúas: a primeira; que no río Ulla a cota anual de capturas de salmón pasase de 50 a 60 exemplares. A segunda; que nos coutos de salmón da provincia de Pontevedra a pesca do reo sexa sen  morte despois do 31 de xullo, é dicir nos meses de agosto e setembro. Ao fío disto empezaron xa de seguido a agromar opinións e sentenzas, pois coma bos españois que somos sabemos de todo, entendemos de canto hai e opinamos, ou mellor dito, damos por feito que canto vemos é como nós o vemos ou entendemos que debe verse polos demais. Despois tamén temos, froito das tan afamadas e actuais redes sociais, que en algún grupo sacan ou destacan un determinado tema ou asunto e alí van tódalas opinións do grupo. Nisto a raza humana non mudou moito, seguimos sentindo a necesidade de vernos identificados cun clan, cunha manada. Así non analizamos en profundidade outros aspectos, non vemos o todo, non nos paramos a pensar nas condicións nin nas circunstancias que rodean ese algo concreto, acoutando así os argumentos de algo xeral á defensa ou ao ataque dunha cousa concreta.

Se pensamos que este ano temos nese río Ulla un novo couto de pesca con oito canas diarias, e que asemade se lle engadiron dúas canas máis ao couto de Ximonde que pasou de ter catro canas diarias a ter seis, esa medida de aumentar a cota anual non debería coller de sorpresa a ninguén. Tampouco debe entenderse coma unha catástrofe para a supervivencia da especie que se maten anualmente, de maneira legal, dez exemplares de salmón máis na nosa comunidade autónoma se antes non nos preocupamos doutras cousas que tamén inciden directamente nesas poboacións. As presas de Sinde e Ximonde no Ulla favorecen aos pescadores ou aos peixes? Se miramos cara Couso de seguro que atoparemos resposta doada. Pensouse nas poboacións ictícolas cando se autorizaron as instalacións hidroeléctricas? Son óptimas a calidade, temperatura e mesmo cantidade da auga?  

Aló polo sur temos a desembocadura do Miño chea de redes nas que caen non poucos salmóns. Logo, nun percorrido de oitenta quilómetros dáselles vara e ferro a máis non poder, (non fai tanto tempo apareceron por aí imaxes de salmóns de baixada capturados mesmo no Tea). Chegados a Frieira os nosos aventureiros e venturosos salmóns atópanse cunha parede de formigón infranqueable, ou no mellor dos casos cun ascensor para subir e unhas palas dunhas turbinas para baixar, eles e as súas improbables e infortunadas crías. Con este panorama; é crible que unha cota anual de oito capturas no couto de Frieira sexa a medida que garanta e favoreza a permanencia ou recuperación do salmón nestas augas?

Como rechamante é que teñamos probas fidedignas da presenza de poboacións estables de salmón nos ríos Tambre e Xubia e non se faga nada por declarar salmoeiras esas augas. Será por non incomodar ás sociedades de pescadores que teñen eses treitos de río conveniados, será. Pero non debería. As sociedades de pescadores defenden evidentemente os seus propios intereses, en moitos casos mesmo o interese duns poucos e non os da totalidade dos seus membros. Pola contra, xa o dixen moitas veces e reitero, a administración debe xestionar os bens de dominio público no interese común, no interese xeral, por iso nin caben nin se entenden estas submisións e mansedumes.

E qué dicir do reo? Pois que seguimos mallando nel canto podemos. Sabemos que as poboacións van a menos e inda así; protéstase para poder pescalo máis aló do horario legalmente autorizado, moitos dos que non acadan a talla mínima legal non se guían pero tampouco voltan á auga. Os pescadores non facemos nada por colaborar coa administración na súa xestión, nin se guían tódolos reos que se capturan nin devolvemos permiso algún cuberto con datos fidedignos. Non é lóxico que na situación na que nos atopamos se siga permitindo pescar nos tramos baixos dos nosos ríos con cebos naturais. E o paradigma xa é que non só non apoiemos a quen propoña eliminalos, senón que inda se pretenda que se autoricen outros como é a quisquilla! 



  

luns, 19 de xaneiro de 2015

Permisos para pescar en Coutos



Xusto nestas datas somos moitos os pescadores galegos que estamos en plena acción de escoller permisos de pesca en acoutados. Despois duns sorteos máis ou menos afortunados empeza a danza de datas e lugares. Iníciase a difícil tarefa de ir encaixando axenda persoal e familiar coa nosa paixón fluvial e, inda que todos temos unha data ou dúas que logramos impoñer si ou si, a axenda familiar é especialmente incómoda e inoportuna para os nosos intereses pescantíns, así sempre imos rabuñando datas na axenda persoal para incluílas na pesqueiril. E pouco a pouco imos, un ano máis, encaixando todo conforme ao noso tempo e a normativa vixente. 

Todo o relativo á pesca fluvial galega está legalmente sometido á Lei de Pesca Fluvial de Galicia e ao seu Decreto regulador. No articulado deste último recóllense, entre outras cousas, os requisitos relativos á obtención dos permisos de pesca en coutos. Neste caso o que nos interesan son os permisos para os pescadores normais e correntes coma vostede e eu. Nada de turistas, nada de sociedades colaboradoras, nada de competicións (oficiais ou non) nin de institucións varias. Para pescar neses tramos de río acoutados cómpre estar en posesión, ademais da correspondente licenza de pesca e os seus posibles recargos, dun deses permisos de pesca que nos habilite para desenvolver esa actividade nun determinado tramo desas características e ao longo dunha xornada de pesca concreta, inda que logo a duración desa xornada quede ao noso libre albedrío. Isto así nolo di o artigo 7.3 do aludido Decreto, non o relativo á duración da xornada, pero si o de que un permiso só será válido para un determinado couto ou tramo e para un determinado día, engadindo asemade que unha vez obtido será persoal e intransferible. Máis abaixo atoparemos o seu artigo 31 no que se recollen as modalidades de outorgamento de permisos de pesca e a orde preferente que son:

   a)      A adxudicación de cupos diarios para concursos oficiais.
   b)      O sorteo de cupos diarios para as entidades colaboradoras.
   c)      O sorteo de permisos para pescadores.
   d)     A venda ordinaria de permisos.

Como a nós tan só nos interesan os permisos destinados aos pescadores, se queremos ver como se regulan atoparemos:

Artigo 34º.-Sorteo de permisos para pescadores.
1. Sorteranse entre os pescadores que o soliciten os permisos sobrantes dos procedementos descritos en artigos anteriores. (Aquí cómpre explicar que antes tamén temos os artigos 28, 29 e 30 que recollen a posibilidade de reservar permisos turísticos e xornadas en coutos para o desenvolvemento de festas tradicionais ou de interese turístico). 
2. Os sorteos para pescadores desenvolveranse nos servizos provinciais de Medio Ambiente Natural (agora Servizos de Conservación da Natureza) de acordo coa normativa que dite a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural (agora Dirección Xeral de Conservación da Natureza) para cada tempada. 

Artigo 35º.-Venda ordinaria de permisos.
1. Os permisos sobrantes dos procedementos anteriores poranse á disposición dos pescadores en centros de venda habilitados ao efecto.
2. Os servizos provinciais de Medio Ambiente Natural establecerán en cada couto os centros de venda de permisos que sexan necesarios para atender a demanda prevista. De ser preciso, estes centros situaranse en establecementos públicos de titularidade privada, previo convenio de colaboración no que se fará constar a obriga do titular do establecemento de acatar tódalas disposicións que en relación a esta modalidade de concesión de permisos dite a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.
3. Os permisos dispoñibles en cada centro de venda estarán á disposición dos pescadores que os soliciten, previa presentación da licenza de pesca en vigor. 

En cumprimento do artigo 34.2 a Dirección Xeral de Conservación da Natureza publica anualmente as normas para participar nos sorteos dos coutos de pesca. Dentro desta normas están as datas de inicio e fin do prazo de presentación de solicitudes, datas dos sorteos, modo de escolla dos permisos, modalidades de pagamento, número de permisos que se poden escoller en cada quenda, etc. Este ano mesmo incluíron unha novidade moi chamativa; as vendas libres colectivas! “Na fase de venda libre, os permisos dun couto concreto nunha xornada concreta poderán ser adquiridos por colectivos interesados na organización dalgún evento relacionado coa pesca. A entidade interesada presentará unha solicitude perante o Servizo Provincial de Conservación da Natureza, acompañada da documentación que identifique o colectivo solicitante. No prazo que fixe o citado servizo, realizarase un pagamento único da totalidade dos permisos solicitados. Previamente á expedición dos permisos, comunicaránselle ao servizo provincial os datos de identificación de cada unha das persoas titulares dos permisos”.

A min esta nova éncheme de dúbidas. A quen se lle ocorreu? Por qué? Qué necesidade, ou a necesidade de quén se pretende cubrir de lexitimidade con isto? Nin a Lei de pesca nin o seu Decreto regulador recollen para nada esta figura da venda colectiva de permisos de pesca. É máis, as modalidades de outorgamento de permisos son claras e concretas. Con esta nova figura de obtención de permisos mesmo se podería estar vulnerando a Lei. Como vimos en liñas precedentes, os permisos unha vez obtidos son persoais e intransferibles. Non obstante, un colectivo, que non ten por qué ter necesariamente relación algunha coa pesca, poderá agora solicitar, obter e pagar un determinado número de permisos, nun ou máis acoutados, para unha ou máis xornadas de pesca, de maneira anónima. Se a fábrica de mobles O CARBALLO CONTENTO quere organizar unhas xornadas de pesca entre os seus colaboradores, (isto xa é un evento relacionado coa pesca), pode facer a solicitude e pagar os permisos obtidos. Logo só terá que comunicar os datos identificativos dos titulares deses permisos nun prazo indeterminado, previo á expedición. Pero reservados xa os terán! Ninguén mais, nin vostede nin eu, poderemos optar a ese recurso público! Inda que o paguemos e o fagamos nominal xa. Pola contra, ese indeterminado grupo de persoas que só pasará a ser determinado no momento da expedición dos permisos, terá ao seu dispor ese recurso. E o máis curioso é que os permisos de pesca así obtidos, mentras non teñan cadaún deles o nome e datos identificativos dos seus futuros titulares, son absolutamente impersoais e completamente transferibles. Viva a Lei!!!

luns, 12 de xaneiro de 2015

Convenios de Colaboración e outras Curiosidades (Bis)



Escribo isto ao fío do comentario feito no anterior escrito:

Á vista da normativa aplicable; neste intres é certo que os convenios de colaboración asinados coas sociedades colaboradoras por parte da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas semellan non ter encaixe legal algún. O que poderiamos preguntarnos é por qué eses convenios se fixeron e manteñen no tempo sen corrixir esta situación. Cómpre recordar que foi ou vai facer un ano, concretamente o primeiro día de pesca da tempada pasada, cando en algún xornal dese día aparecía unha nova, escrito, artigo ou como se teña ou queira chamarse, no que unha relación de sociedades de pesca e algunha outra entidade relacionada coa actividade, amosaban o seu desacordo coa corrección feita pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, no referente ao número de permisos de pesca diarios concedidos a algunhas sociedades de pesca asinantes dun convenio de colaboración. Entre esas sociedades ás que se lles aplicou esa medida correctora estaban unhas cantas sociedades de caza e pesca. Algúns felicitámonos por ver que, despois de moito tempo, alguén se atrevía a corrixir unha situación que supoñíamos inxusta. Como as sociedades de caza contratan gardaría, nós supoñíamos que as de caza e pesca poderían moi ben argüír ter contratada esa gardaría para a pesca. Inda que sabemos da imposibilidade de adicar o 100% do tempo a varias actividades distintas, no caso das sociedades de caza e pesca, polo número de permisos dos que algunhas desas sociedades gozaban, víamos abraiados como iso semellaba factible.

Tampouco se entende moi ben que se asinen convenios, e por tanto se concedan recursos públicos, a entidades que teñan coma obxecto ou fins propios dúas actividades sen relación algunha entre elas. Cómo podemos saber se os recursos destinados a unha determinada actividade non son empregados noutra distinta? Por exemplo os da pesca na caza ou viceversa. Existe algunha clase de control por parte da administración? Sen entrar xa na propia idiosincrasia das sociedades de caza. Na maioría desas sociedades non tódolos cidadáns temos dereito a ser membros. Ou se é nado no concello, ou dentro do perímetro do TECOR ámbito de actuación desa sociedade, ou estás alí empadroado, ou tés bens inmobles, ou algún vencello familiar, senón non podes facerte socio, ou se podes xa é cunhas condicións disuasorias. Por tanto, concedendo axudas públicas a estas institucións con procesos de admisión discriminadores  tamén se está incumprindo a Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación que no seu artigo 4.5 di: Los poderes públicos no facilitarán ningún tipo de ayuda a las asociaciones que en su proceso de admisión o en su funcionamiento discriminen por razón de nacimiento, raza, sexo, religión, opinión o cualquier otra condición o circunstancia personal o social. Non obstante, dende concellos ata Deputacións e a propia Xunta de Galicia repártense axudas públicas entre estas entidades. E o paradigma xa é cando unha sociedade privada obtén dun organismo público o uso exclusivo, temporal ou permanente, duns determinados bens ou recursos públicos, a través dun acordo plenario dunha institución pública, para logo xestionalos cun interese unicamente privado, discriminando mesmo na inscrición aos posibles participantes, pois mesmo se impoñen unhas cotas máis onerosas para os non membros da sociedade xestora ou organizadora.

Por iso escribín o anterior, porque houbo o que eu entendín coma unha intención, un proxecto, mesmo unha necesidade de poñer orde fronte ao inmobilismo destes derradeiros anos, pero semella que se quedou en nada. Pode que o interese de algúns fortes, ou algúns fortes intereses, entre eles os políticos, se estea impoñendo á legalidade vixente, mesmo á evidente necesidade de corrixir multitude de eivas. En algún caso mesmo semella que iremos a peor. Abonda con botarlle un ollada á nova chambonada que dende Augas de Galicia nos están preparando co asunto dos caudais ecolóxicos. Semella que se ignora, ou que con algún fin ou interese concreto se quere ignorar adrede a Lei de Conservación da Biodiversidade. Pero todo o dito, e outras curiosidades polo estilo, neste noso PAIS, xa fai tempo que deixaron ou deberían ter deixado de ser novidade, de abraiarnos!!

Grazas polo comentario. Un saúdo.
  

martes, 6 de xaneiro de 2015

Convenios de Colaboración e outras curiosidades



A Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas, por medio do Servizo de Conservación da Natureza e previo informe dos servizos provinciais á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, mantén uns convenios de colaboración coas sociedades colaboradoras de pesca fluvial. Nestes convenios recoñécenlles unha serie de dereitos a esas sociedades e asemade esíxenlles unha serie de obrigas. Entre eses dereitos están o de dispoñer dun determinado número de permisos de pesca diarios para o acoutado obxecto do convenio, tendo tamén a sociedade dereito a reservar  a totalidade dos permisos diarios para tres xornadas de pesca dunha tempada. No canto das obrigas inclúense a de manter limpos os accesos, sendas e postos de pesca do couto, sinalización, melloras ou mantemento de infraestruturas coma pasarelas, escalas, etc., manter un rexistro diario de capturas e, cousa moi importante, repartir equitativamente os permisos concedidos entre os seus asociados e exclusivamente entre os seus asociados.

En algúns coutos, nos que entre os permisos que se escollen nos sorteos na primeira e a segunda volta, logo na venda libre, amén desas tres xornadas nas que a sociedade colaboradora reserva a totalidade dos permisos diarios, ou de algunha outra xornada na que tamén poden reservar a totalidade dos permisos diarios aquelas sociedades colaboradoras que non teñan ningún tramo de río conveniado, ás que cabería engadir outras posibles xornadas de pesca que se reserven para competicións oficiais, xa se esgotan a totalidade dos permisos diarios de pesca dispoñibles. Despois tan só os membros desas sociedades teñen, ou poden ter, permisos de pesca a súa disposición ao longo de toda a tempada de pesca. Inda que tampouco é, ou non debería ser, ningunha bicoca, tendo en conta que se nunha sociedade son uns 100 socios, ou pouco máis, e dispoñen duns oitenta permiso de pesca por mes para repartirse entre eles, sempre que se faga o reparto equitativamente, tocaríanlles tres ou catro permisos por tempada a cadaún deles. Con todo, levábamos uns anos vendo abraiados como algunhas sociedades colaboradoras de pesca fluvial, malia non notarse que se tivesen feito ningunha clase de melloras ou traballos neses tramos conveniados, seguían gozando de permisos diarios de pesca, en algún caso mesmo dunha cantidade desproporcionada de permisos. Por ilo, fomos moitos os que nos felicitamos cando dende o  Servizo de Conservación da Natureza se puxeron mans a obra para adaptar, ou axeitar, o número de permisos diarios concedidos ao que realmente lles correspondía a esas sociedades, corrixindo asemade o agravio comparativo que se estaba facendo con aquelas outras sociedades cumpridoras. Daquela entendéramos que se tiña a intención de esixir o cumprimento dos convenios asinados, que se vixiaría que todos aqueles que gozasen dun privilexio cumprisen relixiosamente coas súas obrigas, pero foi tan só un espellismo.

Os pescadores de a pé, cando visitamos eses tramos conveniados, somos  testemuñas diarias e directas do incumprimento das obrigas asumidas por esas sociedades colaboradoras. En algún caso non se fixo traballo algún. Nótase ben. Noutros casos os traballos fanse fóra da tempada de pesca. O pescador, coma usuario dese espazo, o que quere, o que agarda, é atoparse unhas sendas, uns accesos e uns postos de pesca limpos, pero non é así. Ao longo da tempada as silvas medran polos accesos, as fieitas soben e son tan ou máis altas co pescador que camiña pola senda e as herbas altas dificultan achegarse aos postos de pesca e mesmo ao río. Pouco importa que estea todo limpo e en orde fóra da tempada de pesca, ese non debería ser o fin pretendido, máis ben debería ser tan só unha consecuencia. Outra curiosidade é que a miúdo vemos como moitos pescadores repiten ou encadean xornadas de pesca neses coutos, inquirimos, temos curiosidade e queremos saber, falamos con eses pescadores e dinnos que na sociedade son uns poucos os que limpan, por iso os permisos diarios de pesca, ou se reparten entre os que limpan, ou que para obter eses permisos en determinados momentos da tempada, eses que limpan teñen prioridade fronte aos que non o fan. Dicímoslles que por qué a sociedade non contrata eses traballos, logo pagan tódolos socios a partes iguais o importe desa contrata e así tamén terán todos os mesmos dereitos e oportunidades para repartirse eses permisos de pesca. A resposta ou respostas van, máis ou menos, sempre por esta mesma liña: “Non oh! Mellor así. A nós convennos que se faga desta maneira e así poder pescar máis días cos outros. Pois senón eu non veño limpar! Quedo na casa coma eles! É que se se reparten os permisos a partes iguais non dá para todos ou dá para moi pouco”. Malia todos eses incumprimentos dos convenios podemos ollar, porque os permisos e xornadas reservadas ás sociedades colaboradoras xa foron retirados do total dos permisos diarios dispoñibles nesta tempada, que os convenios de colaboración seguen manténdose sen cambios.

Despois tamén atopamos xornadas con tódolos permisos de pesca reservados, que se supón foron reservas feitas por sociedades colaboradoras, cómpre pensar iso porque están reservadas xa antes de empezar a escoller os permisos dos sorteos, ou senón é que están reservadas para competicións oficiais. Non obstante, vemos como algunhas datas coinciden en lugar e día co calendario de competicións abertas e oficiosas e, se eses permisos foron reservados por sociedades colaboradoras que teñan conveniado ese tramo acoutado, só poden, porque así o contemplan os convenios, ser distribuídos entre os seus socios. E se son socios tódolos participantes nesas competicións xa deberán ser chamados campionatos sociais. Inda que é difícil de crer cando cómpre clasificarse para algunha delas. A non ser que se vaian engadindo os deportistas á lista de socios dunha determinada sociedade a medida que se vaian inscribindo ou clasificando para algunha determinada competición. Nese caso xa estariamos perante un claro fraude de Lei.

Moitos preguntámonos se a nosa administración autonómica ten realmente interese en vixiar e facer cumprir a Lei e os compromisos (convenios) asinados, se realmente lle interesa poñer orde dentro do mundiño da pesca fluvial galega ou se o que quere, o que lle convén é que todo vaia indo, que non se faga moito barullo ao redor desta actividade. Semella que o que mellor lle pode valer a nosa administración é ignorar. Por un lado ignorar aos que fagan barullo, aos que reclamen, aos que esixan ou amosen interese en que se cumpra a Lei. Polo outro semella que non queren darse conta das manobras, dos usos e mesmo abusos que se fan dos nosos bens públicos, porque os cartos deses permisos que se regalan, desas xornadas de pesca que se regalan, son públicos, como tamén son de dominio público os nosos cursos fluviais. E se todos entendemos que se faga unha xestión regulamentada, tamén queremos que se pense no interese común, en non agraviar a aqueles que cumpren co asinado e coa Lei. Pero as dúbidas en troques de minguar aumentan. Teñen que aumentar cando nos decatamos que despois de concederlle unha inxente suma de cartos a unha sociedade de pesca para cubrir os gastos de gardaría, ademais diso se lle aumenta a porcentaxe de permisos de pesca diarios ata o cincuenta por cento. Págaselle a gardaría con cartos que saen das contas públicas, pero semella que non abonda, pois inda non contentos con iso dánselles máis permisos diarios de pesca. Mentres tanto, outras sociedades que se esforzan para poder manter unha gardería máis ou menos decente, que dentro das súas posibilidades vixíe o couto e o manteña dentro dun criterio acorde coa actividade que alí se desenvolve, tan só reciben unha axuda que non chega nin a cubrir o IVE aplicable á cantidade a pagar pola actividade profesional deses gardas.   Vendo estas, e outras moitas cousas, entendo cada vez máis a todos aqueles que van tan só a súa tentando cada día encher o cesto onde, como e cando poden. Poida que sexa esa a triste solución, a de “Muerto el perro se acabó la rabia”. Temos problemas de cobiza porque temos tramos de río con salmóns, con reos e con troitas, cando desaparezan eses salmóns, eses reos e esas troitas, desaparecerá a cobiza e con ela os problemas. Triste futuro nos espera.