Publicada a Orde de Vedas 2015, cos xa seus tradicionais erros, as novas
medidas que máis chamaron a atención foron dúas: a primeira; que no río Ulla a
cota anual de capturas de salmón pasase de 50 a 60 exemplares. A segunda; que
nos coutos de salmón da provincia de Pontevedra a pesca do reo sexa sen morte despois do 31 de xullo, é dicir nos
meses de agosto e setembro. Ao fío disto empezaron xa de seguido a agromar opinións
e sentenzas, pois coma bos españois que somos sabemos de todo, entendemos de
canto hai e opinamos, ou mellor dito, damos por feito que canto vemos é como
nós o vemos ou entendemos que debe verse polos demais. Despois tamén temos,
froito das tan afamadas e actuais redes sociais, que en algún grupo sacan ou
destacan un determinado tema ou asunto e alí van tódalas opinións do grupo.
Nisto a raza humana non mudou moito, seguimos sentindo a necesidade de vernos
identificados cun clan, cunha manada. Así non analizamos en profundidade outros
aspectos, non vemos o todo, non nos paramos a pensar nas condicións nin nas
circunstancias que rodean ese algo concreto, acoutando así os argumentos de
algo xeral á defensa ou ao ataque dunha cousa concreta.
Se pensamos que este ano temos nese río Ulla un novo couto de pesca con
oito canas diarias, e que asemade se lle engadiron dúas canas máis ao couto de
Ximonde que pasou de ter catro canas diarias a ter seis, esa medida de aumentar
a cota anual non debería coller de sorpresa a ninguén. Tampouco debe entenderse
coma unha catástrofe para a supervivencia da especie que se maten anualmente,
de maneira legal, dez exemplares de salmón máis na nosa comunidade autónoma se
antes non nos preocupamos doutras cousas que tamén inciden directamente nesas
poboacións. As presas de Sinde e Ximonde no Ulla favorecen aos pescadores ou
aos peixes? Se miramos cara Couso de seguro que atoparemos resposta doada.
Pensouse nas poboacións ictícolas cando se autorizaron as instalacións
hidroeléctricas? Son óptimas a calidade, temperatura e mesmo cantidade da auga?
Aló polo sur temos a desembocadura do Miño chea de redes nas que caen non
poucos salmóns. Logo, nun percorrido de oitenta quilómetros dáselles vara e
ferro a máis non poder, (non fai tanto tempo apareceron por aí imaxes de
salmóns de baixada capturados mesmo no Tea). Chegados a Frieira os nosos
aventureiros e venturosos salmóns atópanse cunha parede de formigón
infranqueable, ou no mellor dos casos cun ascensor para subir e unhas palas
dunhas turbinas para baixar, eles e as súas improbables e infortunadas crías.
Con este panorama; é crible que unha cota anual de oito capturas no couto de
Frieira sexa a medida que garanta e favoreza a permanencia ou recuperación do
salmón nestas augas?
Como rechamante é que teñamos probas fidedignas da presenza de poboacións
estables de salmón nos ríos Tambre e Xubia e non se faga nada por declarar
salmoeiras esas augas. Será por non incomodar ás sociedades de pescadores que
teñen eses treitos de río conveniados, será. Pero non debería. As sociedades de
pescadores defenden evidentemente os seus propios intereses, en moitos casos
mesmo o interese duns poucos e non os da totalidade dos seus membros. Pola
contra, xa o dixen moitas veces e reitero, a administración debe xestionar os
bens de dominio público no interese común, no interese xeral, por iso nin caben
nin se entenden estas submisións e mansedumes.
E qué dicir do reo? Pois que seguimos mallando nel canto podemos. Sabemos
que as poboacións van a menos e inda así; protéstase para poder pescalo máis
aló do horario legalmente autorizado, moitos dos que non acadan a talla mínima
legal non se guían pero tampouco voltan á auga. Os pescadores non facemos nada
por colaborar coa administración na súa xestión, nin se guían tódolos reos que
se capturan nin devolvemos permiso algún cuberto con datos fidedignos. Non é
lóxico que na situación na que nos atopamos se siga permitindo pescar nos
tramos baixos dos nosos ríos con cebos naturais. E o paradigma xa é que non só
non apoiemos a quen propoña eliminalos, senón que inda se pretenda que se
autoricen outros como é a quisquilla!
Ningún comentario:
Publicar un comentario