Grande

Grande

xoves, 12 de febreiro de 2015

Orde de Vedas 2015

Publicada a Orde de Vedas 2015, cos xa seus tradicionais erros, as novas medidas que máis chamaron a atención foron dúas: a primeira; que no río Ulla a cota anual de capturas de salmón pasase de 50 a 60 exemplares. A segunda; que nos coutos de salmón da provincia de Pontevedra a pesca do reo sexa sen  morte despois do 31 de xullo, é dicir nos meses de agosto e setembro. Ao fío disto empezaron xa de seguido a agromar opinións e sentenzas, pois coma bos españois que somos sabemos de todo, entendemos de canto hai e opinamos, ou mellor dito, damos por feito que canto vemos é como nós o vemos ou entendemos que debe verse polos demais. Despois tamén temos, froito das tan afamadas e actuais redes sociais, que en algún grupo sacan ou destacan un determinado tema ou asunto e alí van tódalas opinións do grupo. Nisto a raza humana non mudou moito, seguimos sentindo a necesidade de vernos identificados cun clan, cunha manada. Así non analizamos en profundidade outros aspectos, non vemos o todo, non nos paramos a pensar nas condicións nin nas circunstancias que rodean ese algo concreto, acoutando así os argumentos de algo xeral á defensa ou ao ataque dunha cousa concreta.

Se pensamos que este ano temos nese río Ulla un novo couto de pesca con oito canas diarias, e que asemade se lle engadiron dúas canas máis ao couto de Ximonde que pasou de ter catro canas diarias a ter seis, esa medida de aumentar a cota anual non debería coller de sorpresa a ninguén. Tampouco debe entenderse coma unha catástrofe para a supervivencia da especie que se maten anualmente, de maneira legal, dez exemplares de salmón máis na nosa comunidade autónoma se antes non nos preocupamos doutras cousas que tamén inciden directamente nesas poboacións. As presas de Sinde e Ximonde no Ulla favorecen aos pescadores ou aos peixes? Se miramos cara Couso de seguro que atoparemos resposta doada. Pensouse nas poboacións ictícolas cando se autorizaron as instalacións hidroeléctricas? Son óptimas a calidade, temperatura e mesmo cantidade da auga?  

Aló polo sur temos a desembocadura do Miño chea de redes nas que caen non poucos salmóns. Logo, nun percorrido de oitenta quilómetros dáselles vara e ferro a máis non poder, (non fai tanto tempo apareceron por aí imaxes de salmóns de baixada capturados mesmo no Tea). Chegados a Frieira os nosos aventureiros e venturosos salmóns atópanse cunha parede de formigón infranqueable, ou no mellor dos casos cun ascensor para subir e unhas palas dunhas turbinas para baixar, eles e as súas improbables e infortunadas crías. Con este panorama; é crible que unha cota anual de oito capturas no couto de Frieira sexa a medida que garanta e favoreza a permanencia ou recuperación do salmón nestas augas?

Como rechamante é que teñamos probas fidedignas da presenza de poboacións estables de salmón nos ríos Tambre e Xubia e non se faga nada por declarar salmoeiras esas augas. Será por non incomodar ás sociedades de pescadores que teñen eses treitos de río conveniados, será. Pero non debería. As sociedades de pescadores defenden evidentemente os seus propios intereses, en moitos casos mesmo o interese duns poucos e non os da totalidade dos seus membros. Pola contra, xa o dixen moitas veces e reitero, a administración debe xestionar os bens de dominio público no interese común, no interese xeral, por iso nin caben nin se entenden estas submisións e mansedumes.

E qué dicir do reo? Pois que seguimos mallando nel canto podemos. Sabemos que as poboacións van a menos e inda así; protéstase para poder pescalo máis aló do horario legalmente autorizado, moitos dos que non acadan a talla mínima legal non se guían pero tampouco voltan á auga. Os pescadores non facemos nada por colaborar coa administración na súa xestión, nin se guían tódolos reos que se capturan nin devolvemos permiso algún cuberto con datos fidedignos. Non é lóxico que na situación na que nos atopamos se siga permitindo pescar nos tramos baixos dos nosos ríos con cebos naturais. E o paradigma xa é que non só non apoiemos a quen propoña eliminalos, senón que inda se pretenda que se autoricen outros como é a quisquilla!