Grande

Grande

luns, 22 de decembro de 2014

Permisos turísticos de pesca



Na pesca do salmón en Galicia voltan esta vindeira tempada 2015 os permisos turísticos. Consultando, de causalidade, o día 20 de decembro de 2014 a páxina da Xunta para ver a dispoñibilidade de coutos, atópome con que os permisos turísticos só deben interesar, no que toca ao Ulla, en maio e só nos coutos de Sinde e Ximonde. Calquera que entre nesa páxina verá que en Sinde faltan, agás as dúas xornadas do concurso, nove permisos de pesca repartidos en varios días e, dous deles para o primeiro día de pesca. En Ximonde, tamén agás esas dúas xornadas, os permisos que se botan en falta son oito. Pero o máis sorprendente acontece en xuño, concretamente os días 12 e 13 deste mes, venres e sábado, nos que en Sinde están reservados tres permisos por xornada e en Ximonde dous, tamén por xornada. Dez permisos en total e tan só en dous días! E dous días consecutivos!
Vendo isto cabería pensar que algún grupo de turistas acordou facer ese desprazamento de pesca neses días, pero dubido da legalidade de terlles reservado a esas persoas concretas eses días concretos. Poida que sexa legal, pero ben sabemos que o legal non é necesariamente o xusto. O xusto sería, por un lado, que os permisos turísticos fosen tamén a un sorteo como imos os demais pescadores, tanto os galegos coma os foráneos, sen reservas expresas previas, e polo outro que eses permisos se repartisen ao longo de toda a tempada de pesca e non se concentrasen tan só, polos intereses que sexan, nesas dúas xornadas, no caso do mes de xuño, ou repartidas nun só mes coma acontece co mes de maio. Tamén cabería pensar que algún grupo relacionado coa actividade turística ou fluvial queira organizar algún acto ou actividade de promoción ou propaganda. Pode ser, inda que reservar dez permisos de pesca para promoción dos dezaoito reservados no mes de maio paréceme un pouco desproporcionado.
Os permisos de salmón no Ulla en maio non necesitan promoción algunha. O que máis ben semella e que alguén traizoa, a mantenta, o interese público en beneficio propio. Máis aínda se temos presente que falamos dun recurso que non cubre a demanda normal e interna existente. Se xa é difícil entender que se retiren eses permisos para turismo, cando todos sabemos cales son os antecedentes deses permisos turísticos e cales foron os “turistas” que os gozaron nesas tempadas de funesto recordo, resultaría especialmente vergonzoso, ademais de realmente significativo, que nos atopásemos con que os días 12 e 13 de xuño os titulares deses permisos sexan un grupiño de amigos que xa habitualmente coinciden noutros actos e actividades privadas, ou algún recoñecido pescador responsable ou representante de algunha institución relacionada co turismo.
Sería útil e clarificador para todos saber qué é o que realmente se entende por turista, así poderiamos ter uns alicerces cos que diferenciar con exactitude que ten dereito a optar a eses permisos turísticos e quen non. Cómpre asemade que exista unha norma clara e diáfana para que todos aqueles que teñan dereito a eses permisos, e queiran exercer ese dereito, poidan facelo coas mesmas garantías e en igualdade de condicións. Neste senso, intereseime un pouco por un tal Stanley C. Plog que investigou sobre viaxes e prestou servizos de consultor en tódolos eidos da actividade turística, compañías de aviación, destinos, liñas de cruceiros, hoteis e complexos turísticos, grupos de axencias de viaxes e tur operadores. Nestes derradeiros anos a súas investigacións e análises son o espiñazo da enquisa anual da industria de viaxes de Travel Weekly. No 2003, Travel Weekly publicou unha editorial, "No es ninguna exageración decir que Plog dio forma a la moderna investigación de mercado de la industria de viajes -. Para las generaciones, ha identificado las principales tendencias de viaje, a menudo la elaboración de los mismos nombres para describir varios comportamientos de viaje". Xa xubilado, seguiu coma consultor e co-fundador dun sitio web, BestTripChoices.com. Foi o autor de sete libros, catro nas ciencias socias e tres nas viaxes. No 2003, foi premiado en Nova Iork por HSMAI pola súa contribución á industria relacionada co turismo. Tamén lin algunhas outras cousas relacionadas co turismo, de universidades ou de autores relacionados con esta actividade, e sigo sen entender como persoas domiciliadas dentro da Comunidade Autónoma de Galicia poden ser consideradas, aos efectos das actividades de pesca fluvial, coma turistas. Paréceme que iso nin favorece aos intereses xerais, os da divulgación e promoción da pesca fluvial galega fóra da nosa comunidade, nin que tampouco é obxectivo. 
Agora ben, é a administración pública quen debe servir con obxectividade os intereses xerais, ou iso é o que recolle o artigo 103.1 da Constitución. A Lei de pesca fluvial de Galicia e o seu Decreto regulador recoñécenlle á administración uns determinados dereitos para reservar un determinado número de permisos diarios de pesca, non obstante, esas solicitudes e posteriores concesións deben cumprir cuns determinados requisitos e, con todo, as potestades administrativas recoñecidas polo ordenamento xurídico non poden ser usadas para fins distintos aos que xustificaron a súa creación. Por todo ilo, sigo sen ter moi claro, (perdoen a miña ignorancia pero é así), que para concentrar a reserva de permisos de pesca neses coutos e neses días se teña feita a oportuna distinción entre medios e fins. Tamén me queda a dúbida de se os titulares, ou futuros titulares deses permisos de turismo, terán asemade a opción de optar á titularidade de permisos de pesca do salmón no sorteo ordinario, de ser así xa estaríamos diante dunha evidente discriminación. Haberá que seguir de preto este asunto e, á vista dos feitos e coñecidos os titulares deses permisos de pesca, acadar as oportunas conclusións. Máis aínda cando nos decatamos que a actual Lei de Pesca Fluvial de Galicia está quedando cada día máis orfa e que cada vez son máis os que a calzan. Tantos coma os noivos e pretendentes da futura Lei que, polo que imos notando por aquí e por alí, son moitos, cada día máis, os que a tentarán vestir e peitear ao seu xeito e maneira.